Saturday 04 de May de 2024

Os cantos africanos soarán o vindeiro mércores en Riveira da man do coro costamarfileño Saint Luc de Banabakintu


Os veciños e visitantes a Riveira van ter a oportunidade o vindeiro mércores 27 de asistir a un evento moi especial: a actuación que o coro costamarfileño Saint Luc de Banabakintu ofrecerá a partir das 21.30 na praza do Concello.

Para falar deste concerto compareceron hoxe no Consistorio o cura de Santa Uxía Césareo Canabal, o cooperador desta parroquia Javier Millán; o secretario da asociación Egueire e cura de Mazaricos Xosé Manuel Pensado; a concelleira de Cultura Fabiola García; e Elody, Ibrahim e Samuel como integrantes do grupo.

Tanto Cesáreo Canabal como Fabiola García sentíronse moi honrados de acoller a actuación deste coro africano, que tamén cantará na eucaristía dese mesmo día na igrexa parroquial ás 20.30 horas.

O grupo mestura cantos tradicionais do seu país con outros máis modernos acadando un estilo capaz de cativar a todo tipo de público.

Rastrillo solidario
A iniciativa ten tamén unha vertente solidaria pois, non en van, está auspiciada pola asociación Egueire (“Érguete”, en galego) que xa traerá a Riveira a outro grupo musical fai tres anos. Neste senso, coincidindo coa actuación haberá na praza do Concello un rastrillo no que as persoas interesadas poderán mercar diversos produtos vinculados coa cultural africana.

A este respecto, Xosé Manuel Pensado informou de que a asociación Egueire ten como misión axudar ao desenvolvemento en Costa do Marfil (e do terceito mundo africano en xeral) e por outra promover a súa cultura en Galicia.

Con tal motivo están a desenvolver proxectos educativos (estase a construír un centro de formación profesional que se espera estea listo en dous anos), sanitarias (a través da celebración de revisións médicas de mulleres encintas co fin de diminuír a mortalidade infantil e das propias parturientes, ademais de crear unha maternidade) e de promoción económica (constituírense 8 cooperativas de mulleres nas que están involucradas xa unhas 300 femias).

A presentación de hoxe rematou dunha forma bastante diferente ao que é habitual: cunha pequena demostración do talento musical de Elody, Ibrahim e Samuel.